DRAGAL relata a reencarnación dun dragón de lenda nun mozo de 16 anos, unha mutación fantástica que se produce no mundo real e na época actual.
Todo comeza na aula dun instituto que podería situarse en calquera localidade da costa galega, dende a que temos unhas privilexiadas vistas sobre unha igrexa románica, San Pedro.
Os protagonistas da novela, Hadrián e Mónica, descubrirán que o vello templo está conectado cunhas catacumbas ateigadas de secretos e que agocha as claves para atopar a senda do último dragón que existiu en Galicia.
Os sucesos fantásticos intercálanse coas clases no instituto, o acoso escolar, os exames ou o primeiro amor de adolescencia. A serie baséase tamén en lendas galegas e celtas, mitoloxía universal, maxia, alquimia… E recupera a historia do último dragón documentado na nosa terra durante o medievo, cuxa existencia recolle o Códice Calixtino.
Nas páxinas de DRAGAL atopamos profecías milenarias e ordes de cabaleiros medievais, cuxa historia se mantén oculta nos libros que se gardan nunha biblioteca prohibida. Aqueles que se atrevan a percorrer os túneles das misteriosas catacumbas de San Pedro vivirán innumerables aventuras cos seus protagonistas.
As novelas están estruturadas en capítulos curtos e de lectura moi áxil, con finais abertos que incitan ao lector a continuar lendo. No momento en que situamos aos personaxes no escenario real e describimos o mundo paralelo de DRAGAL, a historia flúe como unha bóla de neve costa abaixo, cun final de impacto en cada entrega.
Un dos valores más apreciados polos lectores é a verosimilitude da saga para reencarnar o dragón na pel dun adolescente da época actual, enfrontando a maxia medieval deste ser fantástico cos avances tecnolóxicos do momento.