PRESS CLUB

Dragal en New Spanish Books

A primeira novela da serie de fantasía creada por Elena Gallego Abad, “Dragal I, a herdanza do dragón”, entre as 20 novelas seleccionadas en París dentro da convocatoria New Spanish Books 2015

O libro foi escollido entre 248 títulos presentados en Francia polas principais editoras e axentes literarios españois ao Plan de Venda de Dereitos do ICEX para 2015.

Outra novela de Elena Gallego Abad, “Sete Caveiras” incluída tamén na selección realizada polo comité de expertos (tradutores, libreiros, editores e críticos de recoñecido prestixio) en París.

No outono, as fichas de Dragal e Sete Caveiras serán difundidas entre editores e axentes de Noruega, Finlandia, Italia, Polonia, Brasil e Corea.

DRAGAL

Con oito edicións en lingua galega e xa traducida ao catalán (Pagès Editors), inglés (Small Station Press) e castelán (Anaya), “Dragal I, a herdanza do dragón” é hoxe unha das novelas xuvenís con maior proxección das publicadas por un autor en lingua galega. Con este libro iniciouse a primeira saga fantástica editada ata ese momento en Galicia.

Finalista do IV Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil en 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2012, a primeira novela da saga Dragal foi publicada por Edicións Xerais en 2010 e, dende entón, vense reeditando ano tras ano. En 2011 publicouse “Dragal II, a metamorfose do dragón” e no 2012 “Dragal III, a Fraternidade do dragón”.

Tralo salto desta triloxía ao universo audiovisual (A compañía Ficción Producciones está a desenvolver un ambicioso proxecto crossmedia no que se inclúen cómic interactivo, videoxogos e cine), a autora publicou unha nova entrega da saga, “Dragal IV, a estirpe do dragón”, coa que se inicia unha segunda triloxía. En 2016 está prevista a publicación da quinta novela da serie.

Asemade, nos dous últimos cursos a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsou en Galicia, a través dos equipos de dinamización da lingua galega, o desenvolvemento do denominado “Proxecto Dragal”. Trátase dun programa multidisciplinar de dinamización multimedia e multidisciplinar que anima o alumnado a ler, a crear e a investigar en galego, e que ten a súa base na triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad. Tralo éxito da convocatoria 2013-2014, na que participaron 8 centros de ensino, no curso 2014-2015 Dragal chegou a 659 alumnos e alumnas de 1º e 2º curso da ESO de once centros das catro provincias galegas. Nel estiveron directamente implicados máis de 55 docentes coordinados polos EDLG dos centros educativos e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da súa coordinación central técnica.
O Proxecto Dragal contou cun wiki de acceso restrinxido aos dragaliños, ou alumnos e alumnas participantes no proxecto, e mais aos seus profesores. Alí puideron atopar xogos en liña relacionados coa temática da triloxía, propostas de traballo e materiais para abordalas.

Dragal tamén inspirou un campo de traballo internacional que se desenvolveu entre o 1 e 12 de agosto de 2015  no entorno do Pico Sacro (Concello de Boqueixón). Contou coa participación dunha vintena de participantes de entre 18 e 30 anos, procedentes de países como Alemaña, Francia, Rusia ou Turquía. Tamén achegáronse mozos de puntos de España tan dispares como Logroño, Sevilla, Almería, Valencia ou A Coruña, entre outros. O Campo de Traballo Dragal pretendeu crear un lugar de encontro da mocidade europea para crear sinerxías no entorno do Pico Sacro inspiradas na obra literaria da escritora Elena Gallego Abad.

SETE CAVEIRAS

A escritora deu o salto á novela negra coa publicación, en 2014, da novela Sete Caveiras. Fíxoo da man da editorial Xerais e emulando unha das obras clásicas de Agatha Christie, Dez Negriños.

Con tres edicións en 2014, Sete Caveiras aborda o xénero desde a perspectiva dunha protagonista feminina. Trepidante e por momentos divertida, a novela fía unha serie de asasinatos en escenarios reais con sinalados acontecementos dos anos oitenta. O libro, tamén homenaxe da autora á profesión xornalística, tece unha engaiolante trama de intriga con banda sonora da Movida.

EXPERTOS INDEPENDENTES

A selección de “Dragal I, a herdanza do dragón” e “Sete Caveiras” foi realizada  por un comité de expertos (tradutores, libreiros, editores e críticos de recoñecido prestixio) en París.

“New Spanish Books” é un proxecto do ICEX (Instituto de Comercio Exterior de España) en colaboración co Ministerio de Educación,Cultura y Deporte, que ten como obxecto a venda de dereitos de tradución de editoriais e axentes literarios españois en mercados exteriores a través de portais en Internet en Alemaña, Estados Unidos, Francia, Xapón e Reino Unido, dirixidos a profesionais estranxeiros do sector editorial. Os libros seleccionados nos cinco países se incluirán nunha publicación que será distribuída de xeito personalizado entre editores e axentes de Noruega, Finlandia, Italia, Polonia, Brasil e Corea.

Un dragón no cumio do Pico Sacro

Un campo de traballo da Xunta reúne a unha vintena de mozos de varios países arredor da obra literaria de Elena Gallego Abad e as lendas do Códice

Santiago / La Voz, 03 de agosto de 2015

O Códice Calixtino, ademais dunha obra que alcanzou sona internacional polo seu roubo e posterior aparición no garaxe dun electricista, e tamén a primeira guía de viaxes de Europa. Nel recóllese o traslado do Apóstolo a Santiago, en tempos da raíña Lupa. Para poder chegar a Compostela, houbo que matar ao último dragón de Galicia, que vivía no Pico Sacro, un dos lugares máis emblemáticos da comunidade, localizado no concello de Boqueixón. Este foi un dos puntos de partida da obra literaria da xornalista e escritora Elena Gallego no seu libro Dragal I, a herdanza do Dragón, e tamén do campo de traballo que onte se presentou no cumio do Pico Sacro.

Trátase dun campamento da Campaña de Verán 2015 da Consellería de Traballo e Benestar. Participan unha vintena de mozos de entre 18 e 30 anos de países como Rusia, Alemaña, Turquía e Francia, así como de varias comunidades españolas. O curioso deste campo internacional é que pretende crear sinerxias no entorno do Pico Sacro, inspiradas na obra literaria de Elena Gallego. Nacho Fariña, director desta actividade, explica que os traballos que farán os rapaces combinan o ocio cos exercicios medio ambientais ou de recuperación de determinadas zonas, sempre coa vista posta nas lendas do Pico Sacro. De feito, os participantes limparán ata o día 12 a ruta do dragón, que vai desde a igrexa de Lestedo, en Boqueixón, ata o propio cumio, sinalizando o camiño «e con dramatizacións que farán os monitores ao longo do tramo contando lendas e historias do pico».

Comeza a aventura

Na presentación, na que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que colabora co Proxecto Dragal, a propia Elena Gallego, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, estiveron tamén os rapaces que comezan a aventura. Como Rosalía, coruñesa de 28 anos que está rematando Filosofía e quería unha experiencia nun campo de traballo. Ou María Jesús, de Toledo. Ten 18 anos e en setembro comeza a estudar Medicina en Madrid. O ano pasado estivo nun campus en Lugo e quedoulle o verme de coñecer máis da lingua e a cultura galegas: «Quería volver y el hecho de que este campo de trabajo tenga una parte cultural y de lengua me convenció», explica.

Otero Pedrayo e Castelao destacaron este enclave

Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón e que ademais foi director xeral de Xuventude, destacou a dimensión internacional do campo de traballo que remata o día 12, e que lle dará polo tanto «carácter internacional á obra de Elena Gallego Abad e ao cumio do Pico Sacro». A propia autora da triloxía de Dragal, Elena Gallego, destacou as semellanzas que algúns medios de comunicación fixeron entre a súa saga e a de Harry Potter, «pero mentres J. K. Rowling tivo que inventarse Hogwarts, eu non tiven que inventarme nada, teño Galicia». O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou o cumio do Pico Sacro como un dos referentes e lugares máis emblemáticos de Galicia, que xa gabou Otero Pedrayo no seu momento. Mesmo Castelao fixo unha expedición a este monte en xullo do 1924 con Pedro Brey, un mestre e fotógrafo afeccionado que casualmente foi o avó de Mariano Rajoy. «Trinta anos despois, no 1950, Castelao menciona o Pico Sacro no último discurso público que fai», dixo o secretario xeral.

O campo de traballo axudará a facer unha dinamización deste cumio e tamén do Camiño de Santiago nos concellos de Compostela, Boqueixón e Vedra, a través de distintas actividades como a xa mencionada ruta do dragón, a creación da ruta das estrelas e a elaboración dunha audioguía, un mapa sonoro ou traballos de pintura, ilustración ou videocreación.

 

Información publicada no xornal La Voz de Galicia:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2015/08/03/ultimo-dragon-galego-do-pico-sacro/0003_201508G3P27991.htm

Dragal Work Camp 2015

Tradicións e lendas envolven o Pico Sagro, un dos espazos de referencia da cultura galega. Unha delas está na orixe do universo do dragón que a escritora Elena Gallego recrea no seu proxecto literario.

O dragón do Pico Sagro, vinculado ao Códice Calixtino e a aparición do sepulcro en Compostela volve á actualidade co campo de traballo Dragal Work Camp que estes días se  desenvolve no mítico monte.

“Dragal ” non para de medrar. O cuarto libro que inaugura a segunda triloxía está xa nas librarías mais á marxe das publicacións en galego, o universo creativo de Helena Galego foise estendendo en numerosos soportes e linguas.

Con tradución en catalán, inglés e castelán, con páxina propia, un guión audiovisual pronto para a súa produción, un proxecto  educativo e aplicacións e xogos dixitais, Dragal semella non ter fin e convértese nun ambicioso universo que a súa creadora impulsa, confiada da forza das súas historias de dragóns. Desta volta, regresaron a un dos seus lugares míticos, ao Pico Sagro que é referencia na obra da escritora e que estes días vive a actividade de seis monitores e dezanove mozas e mozos que participan no Dragal Work Camp.

“O Pico Sagro aparece en Dragal e ten unha forza especial. Buscando dragóns na Galiza din  directamente co monte e a versión do Códice Calixtino no que aparece o dragón e o que fixen foi incorporar todas esas lendas e historias. Temos unha grande riqueza en mitos e lendas, a verdade é que non necesitamos inventar moito!”, comenta Elena Gallego Abad.

Máis información na páxina de Facebook https://www.facebook.com/Dragal-Work-Camp-2015-890166897722192/timeline/

Mito, fantasía e realidade. Dragal IV en El Correo Gallego

Elena Gallego Abad aborda con valentía e naturalidade temáticas consideradas tabú na cuarta entrega da serie
ISABEL MOCIÑO  | 30.08.2015 

Poucas series narrativas xuvenís teñen gozado de tan boa acollida por parte do público como a de Dragal, que se iniciou en 2010 con A herdanza do dragón, finalista do IV Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento, continuada despois con A metamorfose do dragón (2011) e A fraternidade do dragón (2012) e pechada, polo momento, con A estirpe do dragón (2015), que deixa o camiño aberto a novas entregas.

Ben é certo que neste éxito da serie publicada por Edicións Xerais de Galicia na súa colección "Fóra de xogo", máis alá da súa calidade literaria, ten tamén moito que ver o empeño e implicación persoal da autora, Elena Gallego Abad, co "universo dragaliano", que mantén vivo coas súas visitas decontino a centros de ensino, a súa colaboración con docentes para a posta en práctica de materiais didácticos e mesmo o seu afán pola promoción e divulgación da serie en todo tipo de formatos (adaptación audiovisual, videoxogos, cómic interactivo....), así como a súa tradución a outras linguas (inglés, castelán, catalán), como se pode seguir por http://www.dragal.eu.

Todo este universo cargado de mitos, lendas e fantasía continúa recreándose con acerto en A estirpe do dragón, na que se profunda na natureza dos membros da Fraternidade, as súas dualidades, medos, inquedanzas e vivencias, mesturadas coa intriga e o misterio, nunha trama que mantén en vilo o lector ata o final. A autora sabe manexar con habelencia múltiples fontes documentais e históricas para asentar os alicerces do mundo dragaliano nos máis remotos tempos da historia da humanidade, convertendo Galicia e a súa cultura nun rico crisol de camiños e personaxes que acaban por confluír baixo a sombra do dragón. Neste caso, non deixa de sorprender a aparición de Leonardo da Vinci e de Napoleón como coñecedores ou mesmo integrantes da Fraternidade.

Amais do misterio, a tensión e as fontes históricas que achegan respostas a múltiples cuestións da actualidade, nesta última entrega é de sinalar o tratamento de temas que preocupan especialmente a docentes, familias e tamén adolescentes, como é o acoso escolar e os embarazos non desexados. Ambas as cuestións converten a Mónica en centro ao redor do que gravita boa parte desta entrega, ao ser vítima do maltrato e humillacións reiteradas ás que a someten un grupo de compañeiras de aula, e enfrontarse soa e en silencio á descuberta de que está agardando un fillo do seu noivo, Hadrián, ao que non atopa o momento nin a ocasión para comunicarllo.

Estas temáticas, moi pouco ficcionalizadas ata o de agora na narrativa xuvenil galega, fan de A estirpe do dragón unha proposta literaria moi atractiva, na que se seguen combinando con acerto boas doses de historia, filosofía, alquimia, hermetismo, fantasía e realidade.

Dragal, un universo en expansión

O diario La Voz de Galicia publicou, abrindo a súa sección de Cultura, unha ampla información do xornalista Xesús Fraga sobre a saga Dragal.