A escritora Elena Gallego pecha a triloxía deste monstro mitolóxico galego cun relato trepidante e esperanzador
ISABEL MOCIÑO
LITER21/CIRP
Despois de Dragal. A herdanza do dragón (publicada no 2010), finalista do IV Premio CaixaGalicia de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento, e Dragal II. A metamorfose do dragón (2011), chegou agora ás librarías o terceiro volume da serie, Dragal III. A fraternidade do dragón, co que se pecha esta triloxía publicada por Edicións Xerais de Galicia na súa colección de fronteira "Fóra de xogo".
Esta serie de Elena Gallego Abad para o lectorado mozo, aínda que tamén moi recomendable para os adultos, inscríbese nunha corrente formal e temática de gran rendemento na literatura xuvenil galega da
primeira década do século XXI, como é a recreación de mundos mitolóxicos e lendarios, nos que asenta unha concepción identitaria.
Esta liña temática e formal ademais de ser visitada por creadores como Suso de Toro (caso do seu Morgún) conta xa con precedentes na metade da década dos oitenta como Mª Xosé Queizán, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos G. Reigosa ou Darío Xohán Cabana, que cos seus relatos abriron vías inexploradas pola literatura xuvenil ata aquel momento.
Agora, Elena Gallego crea un suxestivo universo ficcional que se insire na realidade cotiá e foxe de mundos paralelos, facendo converxer neste Dragal trazos da novela de aventuras, das policiais e detectivescas, das de iniciación e cunha clara recorrencia a múltiples elementos de carácter identitario.
Configúrase así un rico mosaico de referencias que enlazan coa tradición culta e popular, reescribíndoa e actualizándoa desde unha perspectiva galega.
Concibida como unha obra única, Dragal dividiuse en volumes por motivos editoriais, o que no futuro podería dar lugar a unha edición conxunta dos tres títulos, como xa ten feito esta editora con outras series.
Non obstante, a unidade que presenta cada entrega faina independente, por iso A fraternidade do dragón desenvolve con grande acerto as peripecias dos protagonistas por reunir os membros da fraternidade, acceder ao seu templo secreto e restaurar o tempo do dragón nunha loita contra os inimigos da memoria e da súa cultura que é tamén unha busca identitaria e un proceso de maduración dos protagonistas, Hadrián e Mónica.
O final aberto da obra deixa planando a posibilidade de novas entregas nas que responder preguntas e resolver enigmas, especialmente ao redor dalgúns
personaxes, á vez que se sigan compartindo e desvelando segredos durmidos desde os tempos da alquimia e da busca da pedra filosofal.
En definitiva, unha relectura da eterna loita do ben contra o mal, dos medos e inseguridades propios da adolescencia, da dualidade do ser humano e da descuberta da identidade, que se sobredimensiona e integra nunha historia netamente galega e nun legado cultural que nos configura como pobo, situándonos por dereito na rica tradición universal.
imocino@hotmail.com
Recensión publicada o 6 de novembro de 2012 en El Correo Gallego