Dragal, entre mito, fantasía e realidade

Os dragóns existen e están aquí, entre nós.

Agochan as súas pegadas para evitar a súa extinción e preservar a súa maxia, mais a memoria da súa presenza entre nós, máis vella que a humanidade, aínda persiste en todo o mundo.

O seu achado entre os restos arqueolóxicos de civilizacións desaparecidas, en antiquísimos pergameos esquecidos, sobre as pedras de vellos templos en ruínas ou nos textos sagrados de todas as relixións, non é un feito illado e fortuíto.

Os dragóns están aquí, entre nós. Agardando.

Entre mitos e lendas, ficción científica e historia, xurde a saga DRAGAL. Nas súas páxinas poderás sentir a máxia do último dragón.

E veralo voar. Moi pronto.

 

A lenda do último dragón


Que acontecería se o dragón de pedra situado na fachada dunha vella igrexa románica cobrase vida?

E se ese dragón, que garda o segredo dunha profecía milenaria, se encarnase no protagonista dunha serie de novelas fantásticas?

Cando a xornalista Elena Gallego Abad comezou a escribir unha historia de dragóns ambientada na vida real, para o seu fillo Adrián, non podía imaxinar que aquela primeira novela se transformaría nunha saga con milleiros de lectores, sería traducida a varias linguas e tería proxección no universo audiovisual.

O seu reto era construír un relato fantástico, pero dotado con fortes alicerces na realidade.

E así, bebendo de fontes contrastadas, entre mitos e lendas, ficción científica e historia, naceu DRAGAL.

Esta fantástica aventura de lectura moi áxil, cun ritmo trepidante e unha trama que engancha desde as primeiras páxinas, é un desbarate de imaxinación e fantasía que acadou un gran éxito entre os seus lectores.

Nos seus libros Elena Gallego Abad, alcumada pola prensa como “a J. K. Rowling galega", convídanos a unha viaxe na que se mesturan fantasía maxia, historia, aventura, misterio e amizade.

Novas no Press Club Dragal

 

Dende a aparición da primera novela de DRAGAL (finalista do premio Fundación Caixa Galicia 2009 e premio Frei Martín Sarmiento 2012), as distintas entregas da saga están a ser obxecto dunha gran acollida por parte dos lectores, da prensa e da crítica literaria especializada.

Trala súa tradución a outras linguas (Inglés no selo Small Stations Press, Catalán con Pagès Editors e castelán da man de Anaya) os ecos do universo dragaliano están a conquistar novos territorios. 

En 2015 a primeira novela da saga Dragal foi seleccionada en Paris e incluída no proxecto New Spanish Books do ICEX.

Unha saga de película

 

DRAGAL iniciou a senda para incorporarse, como outros grandes títulos da literatura fantástica mundial, ao universo audiovisual.

A produtora galega Ficción Producciones traballa na próxima adaptación da saga a diversos formatos crossmedia de educación e entretemento.

Ademais da posta en marcha dun ambicioso proxecto educativo en Galicia, Ficción ultima a edición dun cómic interactivo, a adaptación da saga ao cine e a creación de videoxogos para varias plataformas.

A saga do dragón Dragal e os inimigos da memoria

A escritora Elena Gallego pecha a triloxía deste monstro  mitolóxico galego cun relato trepidante e esperanzador

     ISABEL MOCIÑO 
     LITER21/CIRP
Despois de Dragal. A herdanza do dragón (publicada no 2010), finalista do IV Premio CaixaGalicia de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento, e Dragal II. A metamorfose do dragón (2011), chegou agora ás librarías o terceiro volume da serie, Dragal III. A fraternidade do dragón, co que se pecha esta triloxía publicada por Edicións Xerais de Galicia na súa colección de fronteira "Fóra de xogo".
     Esta serie de Elena Gallego Abad para o lectorado mozo, aínda que tamén moi recomendable para os adultos, inscríbese nunha corrente formal e temática de gran rendemento na literatura xuvenil galega da
primeira década do século XXI, como é a recreación de mundos mitolóxicos e  lendarios, nos que asenta unha concepción identitaria.
     Esta liña temática e formal ademais de ser visitada por creadores como Suso de Toro (caso do seu Morgún) conta xa con precedentes na metade da década dos oitenta como Mª Xosé Queizán, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos G. Reigosa ou Darío Xohán Cabana, que cos seus relatos abriron vías inexploradas pola literatura xuvenil ata aquel momento.
     Agora, Elena Gallego crea un suxestivo universo ficcional que se insire na realidade cotiá e foxe de mundos paralelos, facendo converxer neste Dragal trazos da novela de aventuras, das policiais e detectivescas, das de iniciación e cunha clara recorrencia a múltiples elementos de carácter identitario. 
     Configúrase así un rico mosaico de referencias que enlazan coa tradición culta e popular, reescribíndoa e actualizándoa desde unha perspectiva galega.
     Concibida como unha obra única, Dragal dividiuse en volumes por motivos editoriais, o que no futuro podería dar lugar a unha edición conxunta dos tres títulos, como xa ten feito esta editora con outras series. 
     Non obstante, a unidade que presenta cada entrega faina independente, por iso A fraternidade do dragón desenvolve con grande acerto as peripecias dos protagonistas por reunir os membros da fraternidade, acceder ao seu templo secreto e restaurar o tempo do dragón nunha loita contra os inimigos da memoria e da súa cultura que é tamén unha busca identitaria e un proceso de maduración dos protagonistas, Hadrián e Mónica.
    O final aberto da obra deixa planando a posibilidade de novas entregas nas que responder preguntas e resolver enigmas, especialmente ao redor dalgúns
personaxes, á vez que se sigan compartindo e desvelando segredos durmidos desde os tempos da alquimia e da busca da pedra filosofal.
     En definitiva, unha relectura da eterna loita do ben contra o mal, dos medos e inseguridades propios da adolescencia, da dualidade do ser humano e da descuberta da identidade, que se sobredimensiona e integra nunha historia netamente galega e nun legado cultural que nos configura como pobo, situándonos por dereito na rica tradición universal.

 imocino@hotmail.com

Recensión publicada o 6 de novembro de 2012 en El Correo Gallego