PRESS CLUB

Dragalizados

Dragóns durmidos que agardan una resurrección, tempos medievais que agochan simbólicos segredos, medallóns máxicos que comunican seres e mundos, herdanzas e destinos irrenunciables, bibliotecas que custodian antiquísimos libros prohibidos, as témeras augas da Poza da Moura, unha poderosa orde de vellos cabaleiros que se constitúen en fraternidade, metamorfoses que procuran seres híbridos, un xuramento de sangue inquebrantable, os arcanos da Ciencia Secreta, criptas, plenilunios e barcas funerarias, ovos alquímicos nos que a enerxía do universo se concentra.

Todas estas teselas adoitas na épica fantástica concorren por xunto na triloxía Dragal, da xornalista Elena Gallego Abad, que chega agora á súa terza entrega co título A fraternidade do dragón, volume que continúa os anteriores A herdanza do dragón e máis A metamorfose do dragón.

Vibrante, inzada de acción e aventuras, esta escrita de Gallego Abad convida a se perder na súa vertixe e esquecer nada que non sexa a pura pulsión da loita atávica do Ben contra o Mal. Unha lectura que escolle o seu lectorado, que dúbida cabe.

Recensión publicada no blog do crítico literario Armando Requeixo o 11 de outubro de 2012

A fantástica historia da Rowling galega

HÉCTOR J. PENA / Xornal de Galicia (18.04.2011)
Xerais tira do prelo 'Dragal: A metamorfose do dragón', a segunda parte dunha historia que naceu como un conto para un fillo que só lía, precisamente, a 'Harry Potter'.

Harry Potter é o nome dun rapaz que protagoniza un dos maiores éxitos editoriais da historia. Con máis de 500 millóns de copias vendidas (dende a publicación do primeiro título, A pedra filosofal, no ano 1997), os libros da saga do neno meigo son os responsables de crear toda unha xeración de lectores nun tempo no que as letras tiñan perdida a batalla fronte á televisión, internet ou as videoconsolas.

Porén, o mundo que habita Harry Potter é 100% británico, como así reflicten as súas localizacións. Sirvan como exemplo o Castelo de Alnwick, onde se sitúa Hogwarts nos filmes, ou o comedor da escola de maxia, que na vida real pertence ao Christ Church College's de Oxford.
Por iso, tomando como referencia ese mundo de fantasía, a xornalista Elena Gallego Abad pensou que ela tamén podería levar a cabo a súa propia novela de aventuras e fantasía, pero creando un universo netamente galego. E así naceu Dragal.
A autora explica que no momento no que empezou a escribir, o seu fillo tiña en torno a 15 anos, unha idade na que os rapaces teñen aínda moitas ansias por devorar fantasía. O problema para ela era que se deu de conta de que todos os títulos que lía o neno eran "en castelán ou de autores foráneos traducidos, como o caso de Harry Potter, había moi pouca cousa en galego". 

"Así foi como se ocorreu a idea dunha historia para dar vida a un dragón galego", explica Elena Gallego. O obxectivo da autora, unha vez concibida a idea, foi "demostrar que se podía contar coas tradicións galegas para facer unha fantasía interesante", e así foi como veu a luz o conto do último dragón galego, que ten uns fondos alicerces nas tradicións do país, que son realmente fantásticas.

Non obstante, a autora enfrontouse con outro reto: o editorial. "Eu quería escribir un libro fantástico, si, pero unha vez feito queres publicalo, o que en Galicia é moi difícil, sobre todo cando non se é coñecido nos circuítos literarios, pero para iso están os premios de literatura fantástica en Galicia, para que todos o podamos intentar", expón. Por iso, quedar finalista na edición 2009 do Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil foi fundamental para que Dragal chegase a ver a luz.
Pouco despois do seu éxito no concurso, no 2010, a editorial Xerais lanza Dragal: A herdanza do dragón no marco da colección Fóra de Xogo. Esta primeira parte conta a historia de Hadrián, un rapaz aparentemente normal, pero que está destinado a converterse no último dragón galego. 
Nesta novela danse cita dende elementos do imaxinario fantástico galego, como un templo medieval ou certos poderes máxicos, até os valores que son recorrentes nesta clase de traballos destinados a un público xuvenil, como o compañeirismo ou a amizade, que nesta primeira entrega de Dragal representan Don Xurxo, o sacerdote da parroquia e Mónica, unha compañeira de clase de Hadrián. 
Non obstante, a nai da criatura considera que, se ben o público obxectivo de Dragal son os mozos, o texto "ten cousas que lectores de 50, 60 ou 70 anos me teñen dito que son interesantes, pois abordo temas, por exemplo, de arquitectura e de historia, como o románico tradicional galego. Ese é un valor engadido que gusta e sorprende a moita xente".

A SEGUNDA PARTE, XA DISPOÑIBLE

Con respecto ao éxito acadado pola primeira parte de Dragal, a súa responsable síntese moi satisfeita, pero recoñece, sincera, que non o esperaba. "Non pensaba que ía triunfar tanto, pero mentiría se dixese que non soñaba con iso. O certo é que me sorprendeu grata e  positivamente", sinala Elena Gallego, que considera que co éxito "o libro deixa de ser do seu autor e comeza a ser dos lectores".
Asemade, a escritora considera a labor creativa que hai detrás de Dragal "todo un reto". "É unha historia protagonizada por un dragón e ambientada na vida actual do século XXI, é moi complexo manter en pé a historia e buscar as coartadas necesarias para que o dragón poida seguir vivindo na vida e tempo real". 
Por outra banda, Gallego afirma que "hai moito esforzo documental no texto" e, ademais, recoñece que "en cada capítulo tento sorprender o lector, pois eles saben que teñen que chegar a un punto e hai que darllo. Ás veces fago o que debo e lévoo directamente, outras veces métome nun compromiso e teño que ver logo como saio de alí...", indica a autora entre risos.
Con respecto á elaboración da segunda parte da historia, Dragal II: A Metamorfose do Dragón, que xa está dispoñible nas librarías do país, Gallego Abad apunta que "cada vez é máis difícil afondar na historia", e explícao establecendo un paralelismo coas pequenas mentiras dos nenos pequenos.
"Eses contos, canto máis grandes se van volvendo máis custa mantelos. A min pásame algo parecido, porque canto máis grande é o libro máis me custa desenvolvelo, porque son moi esixente comigo como escritora e quero que cada libro sexa, cando menos, tan bo como o anterior, se non superalo".
A xornalista di que nas páxinas do novo volume de Dragal, este decatase por primeira vez na súa milenaria historia de que existe certa limitación nos seus poderes, e para poder superala terá que absorber a materia gris do cerebro de Hadrián, e así acadar a simbiose coa súa alma. Don Xurxo e Mónica acadarán maior protagonismo nesta segunda parte, pois terán que tratar de salvar o seu amigo. "Esta segunda parte ten de todo: unha orde de cabaleiros medievais, máis referentes da cultura mitolóxica ou o alquimista máis coñecido de Galicia", expón Elena Gallego Abad.
Con respecto á terceira parte, a escritora adianta para Xornal de Galicia que a súa idea é que estea na rúa en abril ou maio de 2012. "Cando empecei a escribir a saga de Dragal dinme de conta de que quedara curta. Entón, a partir do segundo libro, empecei a deseñala como se se tratase dunha triloxía, na que se poidan ir dando respostas a todas as preguntas que vou deixando, para que os lectores sintan as súas expectativas colmadas", explica a escritora, que parece ter ten un obxectivo ben diferente a, por exemplo, o dos guionistas de Lost.

DRAGAL, UNHA AVENTURA UNIVERSAL

A súa responsable considera que Dragal "é unha fantasía universal, porque os dragóns existen en todas as culturas. Eu estiven en China, e alí teñen dragóns; na cultura dos Estados Unidos hai dragóns moi importantes e ,de feito, nas principais igrexas de Nova York, como San Patricio ou San Xurxo, teñen o seu dragón correspondente. Tanto a cultura cristiá, como a árabe ou calquera outra, ten dragóns, así que creo que por esa parte funcionaría en todo o mundo".
Cuestionada sobre a posibilidade de que a súa novela cruce os Ancares e sexa traducida a outros idiomas, como o español, Gallego Abad está segura de que, se se dese esa posibilidade, Dragal "funcionaría como o que é, unha aventura xuvenil deseñada para uns rapaces que investigan, pescudan, tentan descubrir os segredos de por que pasa isto ou o outro".
"O que pasa", sinala Elena Gallego, é que "eu escribo en galego porque foi como soñei Dragal, porque se non fora pola nosa cultura e tradicións, o libro non existiría. Ademais, para traducilo a outras linguas ten que haber alguén a quen lle interese, un interese editorial. Quizais algún día apareza ese interese que eu creo que debe merecer. Chegado ese momento poderase ler noutras linguas", conclúe.

NA BÚSQUEDA DO ÚLTIMO DRAGÓN GALEGO

Decidiu afastarse das tarefas profesionais, como responsable comercial de FARO no Morrazo, máis centradas na publicidade e na información, para adentrarse no mundo da ficción. Elena Gallego presenta hoxe a súa primeira novela Dragal nun acto na sede da Federación de Comerciantes, en Cangas, as 20.00 horas. Inspirada no seu fillo, a novela relata as cousas que lle pasaban a un rapaz de dezaseis anos e a súa especial relación cun dragón

GONZALO MARTÍNEZ PORTELA/ FARO DE VIGO

Acaroado na igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elidido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego?

Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumplir o seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só gracias á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, moitos séculos atrás, os Cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el.

É a sinopse de "Dragal", a primeira novela que publica Elena Gallego, responsable comercial de FARO no Morrazo. O resultado preséntase hoxe ás oito da tarde na sede de Fecimo en Cangas, e contará coa presenza do editor de Xerais, Manuel Bragado.

O punto da partida para emprender esta viaxe literaria atopouno na casa. "Teño un fillo que se chama Adrián, case como o protagonista da novela", sinala a autora, "e góstalle a literatura fantástica e todo o relacionado cos dragóns". Así que decidiu facer unha novela deste tipo, pero cos elementos fantásticos que ten Galicia, moi rica neles. Hai historias de Harry Potter, de vampiros, de moitos protagonistas imaxinarios, pero faltaba unha nutrida na tradición literaria propia, donde non faltan a herdanza oral ou autores tan fantásticos como Cunqueiro ou Manolo Rivas. "As historias que lle gustan ao meu fillo son foráneas, e eu quería escribir unha nosa que tamén lle gustara", xustifica. Así que comezou a relatar as cousas que lle pasaban a un rapaz de 16 anos, en cuarto curso de ESO, e a súa especial relación cun dragón.
O protagonista ben podería ser do Morrazo, e mesmo hai lugares que remiten a estas terras, como a Poza da Moura, aínda que a autora deixa claro que, aínda coa coincidencia toponímica e de estar ambientada nun pobo costeiro, os escenarios son fantásticos.

Dragal móvese na fantasía, pero misturada con situacións reais e referencias actuais, donde non faltan os conflictos de rapaces de instituto, o mobbing, os problemas cos profesores… Nin tampouco referencias á arquitectura popular galega, como é a descrición da igrexa de San Pedro. 

A historia que comeza cun dragón chiscándolle o ollo desde a torre desa igrexa a un rapaz que está na escola vaise fraguando con outros elementos que lle van dando claves, como un singular medallón e a axuda da súa compañeira Mónica para investigar nos libros e tamén na Internet. 

Aínda que os adolescentes poden sentila máis súa -a obra foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia 2009 de novela xuvenil-Dragal é unha obra para todos os públicos que lle guste a fantasía, os dragóns, as tradicións e a cultura galegas. E como non era posible contalo todo nas 260 páxinas deste volume de capítulos cortos e fácil lectura, e tamén porque os seus personaxes llo pediron, detrás virán outras dúas entregas, xa que a autora ten comprometido con Edicións Xerais unha triloxía. 

No segundo xa está traballando, e cre que aínda vai sorprender máis cando desembarque nas librerías o próximo ano. Ademais, Elena Gallego ten unha novela histórica buscando a súa oportunidade e outra proposta na que leva unha década traballando. Pero agora toca Dragal.

 

Información publicada no FARO DE VIGO o 11 de maio de 2010.